Xente Nova

A Tarxeta Xente Nova

O 15 de xuño a Tarxeta Xente Nova chega a área de Pontevedra e á provincia de Ourense.

O 15 de xuño incorpóranse ás vantaxes da Tarxeta Xente Nova trece concellos da área de Pontevedra e a Provincia de Ourense.

Así, os menores de 21 anos poderán viaxar gratis no transporte público interurbano das áreas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo, e en toda a provincia de Ourense.

Aquí pódese solicitar cita previa para a obtención dunha Tarxeta Xente Nova.

Que é?

A Tarxeta Xente Nova é a tarxeta de transporte de Galicia que permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas.

Quen a pode utilizar?

Mozos e mozas de entre 4 e 20 anos, porque os menores de 4 anos xa viaxan gratis no transporte interurbano. Cando cumpras 21 anos poderás seguir usando a tarxeta ata que se esgote o saldo.

Que viaxes se poden realizar con ela?

Coa Tarxeta Xente Nova saen gratis as viaxes interurbanas no transporte público autonómico de calquera das cinco Áreas de Transporte Metropolitano (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo), e agora tamén na área de Pontevedra e na provincia de Ourense. Tamén poderás viaxar gratuitamente nos barcos dos servizos Cangas – Vigo e Moaña – Vigo, así como no tren metropolitano en Ferrol. As viaxes son bonificables entre os concellos de cada unha das áreas, pero non entre concellos de áreas diferentes.

Aquí pódense consultar os servizos de transporte nos que xa resulta aplicable na provincia de Ourense e na área de Pontevedra. Proximamente incorporaranse os servizos que aínda non dispoñen do sistema tecnolóxico necesario.

Como conseguila?

  1. A Tarxeta Xente Nova é expedida por Abanca nunha serie de oficinas espalladas por moitos dos concellos nos que se pode viaxar con ela. Aquí podes ver o listado de oficinas comercializadoras nas novas áreas de Pontevedra e Ourense.
  2. Para non perder tempo e facilitar que todos os usuarios obteñan a súa tarxeta o máis axiña posible, deberás solicitar cita nesta páxina.
    Para aceder á web é preciso dispor dun navegador Internet Explorer 9 ou superior, Firefox, Chrome, Opera, Safari ou Edge.
  3. Ao facilitar os datos que se solicitan xerarase unha cita na oficina Abanca seleccionada. Non é necesario dispoñer dunha conta asociada.
  4. Á oficina de ABANCA seleccionada só deberás levar o teu DNI. Lembra que, se aínda non cumpriches os 18 anos, deberá solicitala o teu representante legal, que, xunto co teu DNI, terá que levar o seu DNI e o libro de familia ou documentos equivalentes. A tarxeta é gratuíta.
  5. Acordate cargar a túa tarxeta antes de viaxar con ela.

Como recargala?

  • Para viaxar coa Tarxeta Xente Nova cómpre ter saldo abondo, polo que inicialmente deberás cargar o saldo das viaxes que prevexas realizar.
  • Recargar a tarxeta é moi doado, podendo facerse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila.
    • A recarga pódese facer tanto con efectivo como cunha tarxeta de débito. Con tarxetas de crédito, ou doutras entidades, poden existir comisións bancarias.

Ademais, tamén pode ser recargada co móbil ou cun ordenador na Banca Móbil e/ou Banca Electrónica de Abanca. Despois bastará con introducila en calquera caixeiro Abanca para que a carga se faga efectiva.

Estamos traballando para que tamén poidas levar a Tarxeta Xente Nova directamente no móbil, e facer as recargas sen necesidade de ir a un caixeiro. Informarémosvos de cando este novo sistema estea dispoñible.

Se tes calquera incidencia técnica coa tarxeta, ponte en contacto directamente con Abanca na oficina expendedora máis próxima ou polas demais vías de contacto facilitadas por esta entidade.

Como viaxar con ela?

Cando se viaxa coa Tarxeta Xente Nova deberán pagarse con ela as viaxes que se realicen. O importe a aboar por cada viaxe pódese consultar no buscador de servizos da web bus.gal.

Coa tarxeta, ademais de pagar a túa viaxe, poderás pagar a doutras persoas que vaian contigo, pero só se bonificará a túa viaxe.

Posteriormente, a Xunta de Galicia reintegrará o importe abonado no autobús directamente na tarxeta. Para recibir esta bonificación basta con introducir a tarxeta en calquera caixeiro de Abanca e aceptar a recarga. Automaticamente cargarase na tarxeta o aboamento das viaxes realizadas.

  • As viaxes realizadas dentro da primeira quincena do mes, estarán dispoñibles nos caixeiros de Abanca a partir do día 5 do mes seguinte.
  • As bonificacións das viaxes realizadas dentro da segunda quincena do mes, están dispoñibles nos caixeiros de Abanca a partir do día 20 do mes seguinte.

A partir da data da súa posta a disposición terás dous meses para aceptar as bonificacións.

Lembra que a tarxeta é persoal e intransferible polo que no caso de que sexa utilizada por outra persoa poderás perder o dereito a dispoñer desta tarifa gratuíta. O condutor ou o persoal de Inspección de Transportes poderá requirirte que acredites a túa idade e que es o titular da tarxeta, para o que deberás levar e mostrarlles o teu DNI.

Recomendacións

Para utilizar a Tarxeta Xente Nova nos autobuses debes achegala, pola zona do chip, á parte central do lector. O son dun asubío indicará que a lectura é correcta e a máquina te expedirá un billete.

PARA MANTER A TARXETA SEMPRE EN PERFECTO ESTADO, SÓ TES QUE SEGUIR ESTAS SINXELAS INSTRUCIÓNS:

  • Non dobres a tarxeta. Ao dobrala danarase a antena interior, polo que pode quedar inservible ou ter fallos de lectura.
  • Non a expoñas ao sol nin a temperaturas elevadas, e procura evitar cambios bruscos de temperatura.
  • Protéxea da humidade e de ambientes corrosivos, como o salitre mariño.
  • Nunca debes levar a túa Tarxeta Xente Nova pegada ao teu móbil, nin deixala preto de equipos que emitan ondas, como os microondas.
  • Non intentes limpala con produtos corrosivos.

Consulta de bonificacións

Nesta ligazón podes consultar o estado das bonificacións ás que tes dereito pola utilización da TMG Xente Nova.

Tamén se poderá obter información sobre o estado das recargas, e moitas máis vantaxes de viaxar en transporte público, na aplicación móbil transporte público de Galicia dispoñible para o teu teléfono Android ou Apple.

Máis información

Se queres aclarar algunha dúbida podes chamar ao teléfono 988 68 78 00

Tamén as poderás enviar ao enderezo tmg [at] xunta.gal

 

Adxuntos