A tarxeta Xente Nova

A Tarxeta Xente Nova

 As vantaxes da tarifa Xente nova aplicanse ás viaxes interurbanas dos menores de 21 anos EN TODA GALICIA.

Así, os menores de 21 anos poden viaxar gratis no transporte público interurbano que depende da Xunta de Galicia, calquera que sexa a súa orixe e destino.

Aquí pódese solicitar cita previa para a obtención dunha Tarxeta Xente Nova.

Que é?

A Tarxeta Xente Nova é a tarxeta de transporte de Galicia que permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas.

Quen a pode utilizar?

Mozos e mozas de entre 4 e 20 anos, porque os menores de 4 anos xa viaxan gratis no transporte interurbano. Cando cumpras 21 anos poderás seguir usando a tarxeta ata que se esgote o saldo.

Que viaxes se poden realizar con ela?

Coa Tarxeta Xente Nova saen gratis as viaxes interurbanas no transporte público da Comunidade Autónoma de Galicia, calquera que sexa a súa orixe e destino. Ademais, tamén poderás viaxar gratuitamente nos barcos dos servizos Cangas – Vigo e Moaña – Vigo, así como no tren metropolitano en Ferrol. 

En bus.gal pódense consultar os horarios dos servizos de transporte autorizados en cada momento.

Como conseguila?

  1. A Tarxeta Xente Nova é expedida por Abanca nunha serie de oficinas espalladas ao longo do territorio. Marcando enriba dos seguintes nomes de provincia, podes consultar o listado de oficinas subministradoras: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Nesta páxina tamén poderás descargar un listado completo en formato editable.
  2. Para non perder tempo e facilitar que todos os usuarios obteñan a súa tarxeta o máis axiña posible, deberás solicitar cita nesta páxina.
    Para aceder á web é preciso dispor dun navegador Internet Explorer 9 ou superior, Firefox, Chrome, Opera, Safari ou Edge.
  3. Ao facilitar os datos que se solicitan xerarase unha cita na oficina Abanca seleccionada. Non é necesario dispoñer dunha conta asociada.
  4. Á oficina de ABANCA seleccionada só deberás levar o teu DNI. Lembra que, se aínda non cumpriches os 18 anos, deberá solicitala o teu representante legal, que, xunto co teu DNI, terá que levar o seu DNI e o libro de familia ou documentos equivalentes. A tarxeta é gratuíta.
  5. Acórdate de cargar a túa tarxeta antes de viaxar con ela.

Como recargala?

  • Para viaxar coa Tarxeta Xente Nova cómpre ter saldo abondo, polo que inicialmente deberás cargar o saldo das viaxes que vaias realizar. O que gastes nas túas viaxes serache devolto tal e como indicamos máis adiante.
  • Recargar a tarxeta é moi doado. Pode facerse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila.
    • A recarga pódese facer tanto con efectivo como cunha tarxeta de débito. Con tarxetas de crédito, ou doutras entidades, poden existir comisións bancarias.

Ademais, tamén pode ser recargada co móbil ou cun ordenador na Banca Móbil e/ou Banca Electrónica de Abanca. Despois bastará con introducila en calquera caixeiro Abanca para que a carga se faga efectiva.

Estamos traballando para que tamén poidas levar a Tarxeta Xente Nova directamente no móbil, e facer as recargas sen necesidade de ir a un caixeiro. Informarémosvos de cando este novo sistema estea dispoñible.

Se tes calquera incidencia técnica coa tarxeta, ponte en contacto directamente con Abanca na oficina expendedora máis próxima ou polas demais vías de contacto facilitadas por esta entidade.

Como viaxar con ela?

Cando se viaxa coa Tarxeta Xente Nova deberán pagarse con ela as viaxes que se realicen. O importe a aboar por cada viaxe será fixo, igual ao que corresponda para os pagamentos coa TMG xeral, e dependerá unicamente do concello de orixe e de destino da viaxe; na parte inferior desta páxina pódense consultar os cadros de tarifas aplicables para pagamentos con tarxeta en toda Galicia.

Coa tarxeta, ademais de pagar a túa viaxe, poderás pagar a doutras persoas que vaian contigo, pero só se bonificará a túa viaxe.

Posteriormente, a Xunta de Galicia reintegrará o importe abonado no autobús directamente na tarxeta. Para recibir esta bonificación basta con introducir a tarxeta en calquera caixeiro de Abanca e aceptar a recarga. Automaticamente cargarase na tarxeta o aboamento das viaxes realizadas.

  • As viaxes realizadas dentro da primeira quincena do mes, estarán dispoñibles nos caixeiros de Abanca a partir do día 5 do mes seguinte.
  • As bonificacións das viaxes realizadas dentro da segunda quincena do mes, están dispoñibles nos caixeiros de Abanca a partir do día 20 do mes seguinte.

A partir da data da súa posta a disposición terás dous meses para aceptar as bonificacións.

Lembra que a tarxeta é persoal e intransferible polo que no caso de que sexa utilizada por outra persoa poderás perder o dereito a dispoñer desta tarifa gratuíta. O condutor ou o persoal de Inspección de Transportes poderá requirirte que acredites a túa idade e que es o titular da tarxeta, para o que deberás levar e mostrarlles o teu DNI.

Que podes facer se a perdiches?

  1. Deberás solicitar cita nesta páxina para conseguir unha nova tarxeta nas oficinas de Abanca habilitadas para a emisión da mesma, seguindo os mesmos pasos que cando solicitaches a anterior (ver apartado Como conseguila?).
  2. As bonificacións pendentes de aceptar serán traspasadas automaticamente á nova tarxeta.
  3. O saldo que tiña a tarxeta no momento da perda non é recuperable, polo que é preciso que cargues a nova tarxeta antes de viaxar con ela.
  4. No caso de perda, a nova tarxeta terá un custo de 2 €.
  5. Para facer un duplicado da tarxeta perdida, non se esixe que presentes novamente toda a documentación que se pediu para a alta inicial. É dabondo con que presentes o teu DNI ou pasaporte, se es maior de idade, ou o do teu pai/nai/titor, se es menor de idade.

Recomendacións

Para utilizar a Tarxeta Xente Nova nos autobuses debes achegala, pola zona do chip, á parte central do lector. O son dun asubío indicará que a lectura é correcta e a máquina te expedirá un billete.

PARA MANTER A TARXETA SEMPRE EN PERFECTO ESTADO, SÓ TES QUE SEGUIR ESTAS SINXELAS INSTRUCIÓNS:

  • Non dobres a tarxeta. Ao dobrala danarase a antena interior, polo que pode quedar inservible ou ter fallos de lectura.
  • Non a expoñas ao sol nin a temperaturas elevadas, e procura evitar cambios bruscos de temperatura.
  • Protéxea da humidade e de ambientes corrosivos, como o salitre mariño.
  • Nunca debes levar a túa Tarxeta Xente Nova pegada ao teu móbil, nin deixala preto de equipos que emitan ondas, como os microondas.
  • Non intentes limpala con produtos corrosivos.

Consulta de bonificacións

Nesta ligazón podes consultar o estado das bonificacións ás que tes dereito pola utilización da TMG Xente Nova.

Tamén se poderá obter información sobre o estado das recargas, e moitas máis vantaxes de viaxar en transporte público, na aplicación móbil transporte público de Galicia dispoñible para o teu teléfono Android ou Apple.

Máis información

Podes consultar o prezo das viaxes na calculadora que pon a disposición a Dirección Xeral de Mobilidade no apartado de adxuntos.

Se queres aclarar algunha dúbida podes chamar ao teléfono 988 68 78 00

Tamén as poderás enviar ao enderezo tmg [at] xunta.gal

Adxuntos