TARIFA +65

Transporte público gratuito para maiores de 65 anos

A tarifa +65 é unha tarifa gratuíta que pon en marcha a Xunta de Galicia e se aplica a calquera viaxe interurbana en autobús na Comunidade Autónoma de Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Quen pode acceder a ela?

Calquera persoa maior de 65 anos que viaxe cunha Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG).

En que medios de transporte se aplica a tarifa +65?

A tarifa +65 estará dispoñible en todos os servizos de transporte en autobús interurbano da titularidade da Xunta de Galicia, así como nos servizos municipais atendidos por servizos públicos de titularidade da Xunta de Galicia, como os denominados servizos urbanos de Ferrol e de Pontevedra. Todos estes servizos poden ser consultados nesta páxina.

A tarifa +65 tamén se aplicará nos servizos de transporte marítimo metropolitano que se prestan na Área de Transporte Metropolitano de Vigo entre Cangas e Vigo e entre Moaña e Vigo e viceversa, así como nos servizos da antiga Feve na comarca de Ferrol.

Cantas viaxes se poden facer ao mes coa tarifa +65?

A tarifa +65 atende ás necesidades de mobilidade das persoas maiores de 65 anos, polo que se poderán acoller a ela ata 60 viaxes cada mes.

Como se viaxa coa tarifa +65?

As persoas maiores de 65 anos que desexen facer uso desta tarifa +65 deberán adiantar o importe das viaxes cando viaxen coa súa TMG, para o que deberán contar cunha tarxeta TMG con saldo suficiente para pagar o prezo do servizo de transporte que vaian utilizar.

A TMG é persoal, polo que deberá viaxar con ela exclusivamente a súa persoa titular. Ademais, no caso de que unha persoa conte con máis dunha tarxeta TMG, só se accederá a esta tarifa utilizando a última delas que adquirise.

A persoa titular da TMG que viaxe con ela poderá aboar, con cargo a esa mesma tarxeta, as viaxes doutras persoas que a acompañen, pero esas outras viaxes que fosen aboadas non accederán a esta tarifa.

Debe terse en conta que a utilización fraudulenta da TMG por unha persoa distinta da súa titular sen que esta solicitase a súa cancelación en ABANCA por subtracción ou roubo, pode dar lugar á perda do dereito ao acceso á tarifa +65.

Como se recupera o importe aboado inicialmente?

As persoas maiores de 65 anos que teñan unha tarxeta TMG ao seu nome recibirán directamente o reintegro das primeiras 60 viaxes aboadas cada mes.

Para recibir este reintegro bastará con que, a partir do mes seguinte, introduzan a tarxeta TMG en calquera caixeiro automático de ABANCA e acepten a correspondente recarga que lles aboará a Xunta de Galicia. Este é un proceso fácil, do que na propia oficina de ABANCA na que se adquira a tarxeta poderán informarlles sobre como deben facer no caixeiro.

As recargas xéranse cada 15 días.

Así, as viaxes realizadas entre o 1 e o 15 de xaneiro serán reintegradas a partir do 5 de febreiro e as realizadas entre o 16 e o 31 de xaneiro serán reintegradas dende o 20 de febreiro.

Disponse dun prazo máximo para recuperar o importe adiantado polas viaxes?

Efectivamente, dende a data de posta a disposición da recarga correspondente disporase de ata 2 meses para a súa aceptación, pasados os cales a recarga caducará.

Deste modo, unha persoa que viaxe o 14 de xaneiro poderá recuperar o importe da súa viaxe entre o 5 de febreiro e o 4 de abril e o importe das viaxes feitas o 16 de xaneiro poderá recuperarse entre o 20 de febreiro e o 19 de abril seguintes.

Transcorridos os ditos prazos a recarga caduca e xa non se poderá recuperar.

En que tarxeta se cobran as recargas?

O importe correspondente ás recargas percibirase na tarxeta que funciona como +65, é dicir, na última expedida a nome da persoa maior de 65 anos.

De non o ter feito no seu momento, e para evitar confusións, recoméndase comunicar na oficina de ABANCA distribuidora a perda, subtracción ou baixa daquelas outras tarxetas TMG que adquirise previamente e xa non utilice.

Pódense consultar as recargas pendentes de recibir?

As recargas pendentes dunha tarxeta poderán consultarse nesta páxina. Ademais, tamén se poderá obter información sobre o estado das recargas e moitas máis vantaxes de viaxar en transporte público na aplicación móbil Trnasporte Público de Galicia, dispoñible tanto para teléfonos Android como Apple.

Como se pode adquirir unha Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG)

Tarxeta TMG

Se xa dispón dunha TMG ao seu nome non é preciso que adquira unha nova TMG para poder acceder a esta tarifa, simplemente asegúrese de que esa tarxeta figure ao seu nome, o que poderá comprobar na documentación que se lle entregou cando a adquiriu.

Se non ten unha TMG ao seu nome, ou precisa substituíla, as TMG pódense adquirir a un prezo bonificado de 2 euros en calquera das oficinas de ABANCA habilitadas para a súa distribución.

Este servizo é independente doutros que preste esta entidade, polo que nin é preciso obter cita previa para esta xestión, nin é preciso ser cliente dela para poder adquirir unha TMG, sendo abondo con dirixirse a calquera das oficinas indicadas co seu DNI ou documento análogo, acreditativo da súa identidade e no que figure a data de nacemento.

En que oficinas de ABANCA se distribúen as tarxetas TMG?

ABANCA pon a disposición das persoas interesadas máis de 200 oficinas distribuídas ao longo da Comunidade Autónoma nas que se distribúen as tarxetas TMG.

Pódese consultar na sección de ADXUNTOS desta páxina a información actualizada do conxunto de oficinas habilitadas.

Ademais na web de ABANCA poderá obter información adicional sobre as oficinas disribuidoras das tarxetas TMG, tal como os seus horarios de atención ao público.

Como se poden resolver outras dúbidas sobre esta tarifa?

As consultas sobre a adquisición, baixa ou substitución dunha tarxeta TMG poderán ser formuladas na oficina de ABANCA correspondente.

Adicionalmente, poderán facerse consultas sobre o funcionamento desta nova tarifa no teléfono de información do transporte público de Galicia 988 687 800 ou na conta de correo eletrónico tmg65 [at] xunta.gal.

Información sobre tratamento de datos persoais

Se vostede recibiu unha comunicación directa sobre a tarifa +65 pode consultar a información referente ao tratamiento dos seus datos personais na seguinte ligazón.

Adxuntos