A XUNTA OPTIMIZA DESDE O 6 DE MAIO OS HORARIOS DE DOUS SERVIZOS DE AUTOBÚS ENTRE OURENSE E LUGO PARA AXUSTALOS ÁS XORNADAS LABORAIS DOS USUARIOS RECORRENTES

Xov, 25/04/2024

Os axustes atenden a petición dos usuarios que se desprazan a diario de Ourense a Lugo por traballo, de xeito que os horarios se adaptan ás súas xornadas durante todo o ano.

A ida, na liña Lugo E.A.-Taboada-Ourense E.I., sairá de Ourense ás 5,50 horas en tempada de inverno e ás 06,15 horas durante o verán.

A volta, na liña Lugo E.A.-Ourense E.I. sairá de Lugo ás 15,00 horas en inverno e ás 14,45 horas no verán.

O cambios aprobados atenden a petición dos usuarios, que se desprazan a diario de Ourense a Lugo maioritariamente para acudir aos seus postos de traballo. Así, os novos horarios adáptanse con máis precisión á entrada e á saída das súas xornadas laborais ao longo de todo o ano, de xeito que variarán entre a tempada laboral de inverno e a tempada laboral de verán, que vai do 22 de xuño ao 10 de setembro.

Os axustes horarios aprobados responden ao compromiso da Xunta de Galicia pola mellora continua dos servizos de transporte público interurbano, adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade dos usuarios.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.