MELLORA DOS SERVIZOS ÁS PRAIS DE ARTEIXO

Ven, 10/06/2022

A XUNTA MELLORA DURANTE O VERÁN OS SERVIZOS DE AUTOBÚS ÁS PRAIAS DE ARTEIXO COA ADAPTACIÓN DUNHA LIÑA DESDE O NÚCLEO MUNICIPAL E COA CREACIÓN DUNHA NOVA LIÑA ENTRE MEICENDE E AS PRAIAS DE SABÓN E O RAÑAL

A Xunta mellora durante o verán os servizos de autobús ás praias de Arteixo, coa adaptación dunha liña desde o núcleo municipal e coa creación dunha nova liña entre Meicende e as praias de Sabón e do Rañal.

O reforzo destas conexións, que se poñerá en marcha de forma inmediata en canto finalice a súa tramitación, encáixase nos servizos de interese municipal (SIMU) que complementan o transporte público da actual concesión de autobús interurbano da Xunta no concello de Arteixo.

Na liña existente que conecta durante o verán Arteixo coas praias de Sabón, O Rañal e Barrañán, amplíase a tempada na que está activa ata o segundo domingo de setembro e lévase a súa cabeceira á oficina municipal de turismo.

A nova liña deseñada entre Meicende e as praias de Sabón e O Rañal crea servizos que non existían na oferta actual de transporte público. Contará con 15 paradas, para facilitar os desprazamentos á praia da veciñanza da área entre Meicende e Sabón, e conectará tamén esta zona co núcleo de Arteixo, finalizando na oficina de turismo.

Cada unha destas liñas contará con 10 servizos de ida e outros 10 de volta, que estarán en funcionamento entre as 11,00 horas e as 21,00 horas todos os días da semana ata o segundo domingo de setembro.

Ademais de mellorar a conexión das distintas poboacións de Arteixo coas súas praias, a nova configuración dos servizos ofrecerá frecuencias de só 30 minutos entre os núcleos de Arteixo e Sabón.