AUMENTO DOS VIAXEIROS TRANSPORTADOS NO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO

Xov, 05/05/2022

OS AUTOBUSES INTERURBANOS DA XUNTA TRANSPORTARON NO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO UN 32% MÁIS DE VIAXEIROS QUE NO MESMO PERÍODO DE 2021

Nos tres primeiros meses de ano o transporte interurbano, de responsabilidade autonómica, rexistrou 7,74 millóns de usuarios fronte aos 5,86 millóns dos tres primeiros meses de 2021.

A evolución das cifras mensuais de viaxeiros no transporte público de titularidade da Xunta amosan unha tendencia crecente no número de usuarios que se desprazan neste medio. Así, o pasado mes de marzo, o último con datos consolidados, foi o mes con maior demanda desde o inicio da pandemia da COVID-19, superando os 2,9 millóns de viaxeiros. Este dato é tamén un 32% superior á media mensual de todo o 2021.

O aumento é destacable en concesións cun gran volume de usuarios que medran por enriba da media, incluso máis dun 50% nos tres primeiros meses do ano. Destaca o incremento dos usuarios xerais que empregan o transporte compartido, que no mes de marzo foron un 210% máis que a media mensual de 2021.

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, continúa a traballar no seguimento e optimización continua do transporte público por estrada co obxectivo de ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns e promover o seu uso como principal alternativa de desprazamento, un traballo que está a favorecer a recuperación da demanda.