A Xunta reforzará a partir do luns, 20 de xullo, a conexión de autobús entre Sanxenxo e Pontevedra durante a tempada estival. Os servizos de verán que se viñan prestando nos últimos anos e que conectaban estas dúas localidades por autoestrada, agora chegarán tamén ata Portonovo. Ademais, incorporaranse novas paradas en Pontevedra e engadiranse novas frecuencias nas horas de maior demanda. Esta ampliación da oferta de servizos irá acompañada por unha reorganización dos horarios para mellorar o seu encaixe coas necesidades reais de mobilidade da cidadanía.
Desde este luns, 20 de xullo, crearase un novo servizo de luns a venres con saída desde Portonovo ás 20,35 e, nas fins de semana e nos festivos, outro ás 20,55 horas. Así mesmo, e con orixe en Pontevedra, os días laborables tamén se engade unha saída ás 12,00 horas. Con estes novos servizos increméntase o número de prazas dispoñibles nos momentos do día con maior demanda.
Unha das principais novidades introducidas este ano é a ampliación do percorrido da liña directa ata Portonovo. Este núcleo é o principal polo turístico de Sanxenxo e concentra boa parte da oferta hoteleira, de apartamentos turísticos, de restauración e de actividade comercial. Por iso, é un dos principais puntos de orixe e destino de viaxes durante o verán. Ata agora, as persoas usuarias con orixe ou destino neste núcleo debían desprazarse primeiro á estación de autobuses de Sanxenxo para coller o servizo directo. Coa nova configuración, a liña chega directamente a Portonovo, con paradas no mercado e en Baltar.
A liña incorpora tamén dúas novas paradas na avenida de María Victoria Moreno, en Pontevedra. Estas paradas achegan o servizo directo a máis persoas usuarias dentro do núcleo urbano, sen afectar aos tempos de viaxe.
Ademais, como parte desta mellora da oferta de servizos, farase un axuste dos horarios vixentes para adecualos á demanda real das persoas usuarias e para mellorar a coordinación entre as liñas directas por autoestrada e aquelas que circulan pola estrada. Deste xeito, quen viaxe entre Sanxenxo e Pontevedra pode empregar os servizos directos, mentres que as prazas nos servizos convencionais poden empregarse para aquelas persoas que viaxen ás paradas intermedias.
Debido a estes cambios, a Xunta recomenda ás persoas usuarias consultar os horarios actualizados antes de viaxar. Toda a información está dispoñible nos sitios web bus.gal e mobt.xunta.gal, así como nas aplicacións Transporte Público de Galicia e MoBT.