A XUNTA REFORZARÁ DESDE O LUNS AS CONEXIÓNS DE AUTOBÚS COS HOSPITAIS DE SANTIAGO DESDE OS CONCELLOS DE ORDES, OROSO, A ESTRADA E TEO

Mér, 20/03/2024

Desde o vindeiro luns, día 25, os usuarios de Ordes e da Estrada verán melloradas as conexións dos servizos de autobús cos hospitais de Santiago, beneficiando tamén aos veciños de Oroso e de Teo. A Xunta reforzará os servizos desde eses concellos e mellorará a coordinación dos transbordos na estación intermodal cara ao Hospital Clínico Universitario e cara ao Hospital de Conxo para atender as necesidades de desprazamentos dos usuarios.

Así, para facilitar os desprazamentos entre Ordes, Oroso e os hospitais á ida e á volta en todas as quendas de luns a venres, créanse dúas novas expedicións, unha de ida con saída de Ordes ás 06,40 horas e unha de volta con saída de Santiago ás 22,20 horas. Para o resto de horarios, só será preciso o axuste horario dun servizo.

Tamén nos servizos de autobús entre A Estrada, Teo e Santiago ofreceranse enlaces coordinados cos servizos lanzadeira en todos os horarios de luns a venres laborables. Para iso, foi preciso crear dous novos servizos e adaptar os horarios doutros dous servizos xa existentes. As novas expedicións serán unha de ida, que sairá da Estrada ás 13,35 horas, para a entrada na quenda da tarde, e outra de volta, con saída de Santiago ás 08:25 horas, despois da quenda da noite.

Para facilitar, principalmente, a mobilidade do colectivo de traballadores sanitarios e ofrecer opcións adecuadas ás quendas de traballo, refórzanse os servizos de autobús que funcionan como lanzadeira para conectar os hospitais e a estación intermodal e mellórase a coordinación para os transbordos nas liñas entre Santiago e outras localidades galegas.

A conexión co hospital Clínico manterase na liña de Lalín a continuación da terminal de autobuses, mentres a conexión co hospital de Conxo realizarase na lanzadeira específica entre a estación intermodal e ese centro hospitalario, que se reforza cunha expedición máis e se amplía a todo o ano.

 

No resto de quendas, os desprazamentos aos dous hospitais estarán atendidos conxuntamente na liña Lalín-Santiago-hospitais.