A XUNTA REFORZA DESDE O 8 DE ABRIL OS SERVIZOS DE AUTOBÚS EN TEO CON NOVAS PARADAS, UN SERVIZO ATA A RAMALLOSA ANTES DAS 08,00 HORAS E AXUSTES HORARIOS CON SANTIAGO E PADRÓN

Mér, 03/04/2024

A Xunta reforza desde o próximo luns, 8 de abril, os servizos de autobús en Teo con novas paradas, un servizo á primeira hora da mañá ata A Ramallosa e melloras nos horarios das conexións con Santiago e Padrón.

A liña actual A Agrela-A Ramallosa prolóngase ata O Espiño e engade outras tres novas paradas nos lugares de Buela e Veitureira, en Teo, e no lugar de Bascuas, en Padrón. Nesa liña, O Espiño-A Ramallosa, actívase un novo servizo baixo demanda con saída máis cedo, ás 07,15 horas, que permitirá chegar á Ramallosa de luns a venres antes das 08,00 horas.

A ampliación da liña e a nova frecuencia melloran a mobilidade dos cidadáns ata a capital do concello e, ao tempo, permite acceder na Ramallosa á oferta de servizos de transporte público que conectan esta localidade con Santiago de Compostela e outros puntos do municipio de Teo.

O servizo A Silva-Santiago da primeira hora da mañá en tempada non lectiva adiántanse ás 07,10 horas para facilitar unha chegada a Santiago de Compostela antes das 08,00 horas durante todo o ano.

O servizo A Silva-Santiago da primeira hora da tarde en época escolar sairá ás 14,45 horas, de luns a venres laborables, para axustarse ás demandas dos usuarios con horarios de tarde.

Os horarios da liña Xoane-Padrón da mañá en tempada non lectiva iguálanse cos da época lectiva, saíndo de Padrón de luns a venres laborables ás 07,15 horas e de Xoane ás 07,40 horas. Durante a tempada escolar, o servizo de ida pola tarde de Xoane a Padrón sairá ás 16,00 horas de luns a venres.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.