A Xunta adapta desde o próximo xoves, día 2 de xaneiro, os horarios dos autobuses entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña para facilitar 7 enlaces ao día cos trens entre Galicia e Madrid.
Para conectar con 4 servizos ferroviarios que saen cara a Madrid de luns a venres laborables, axústanse os horarios de 4 autobuses que sairán do Barco de Valdeorras ás 06:45, 12:00, 14:15 e 17:45 horas.
Os usuarios que cheguen á Gudiña contarán con autobuses que sairán cara ao Barco de Valdeorras ás 09:20, 19:30 e 21:20 horas de luns a venres laborables. No caso deste último servizo do día, que finaliza en Viana do Bolo, dispoñen dun servizo coordinado con este que se presta baixo demanda entre Viana do Bolo e o Barco de Valdeorras ás 21,45 horas, polo que para esta última etapa da viaxe deberán realizar unha reserva previa.