Este martes, día 1 de xullo, comeza a funcionar na Illa de Arousa a liña de autobús impulsada pola Xunta de Galicia e o concello. Trátase dun complemento da actual concesión de autobús interurbano de competencia autonómica, ao abeiro do convenio asinado entre a Xunta, o Concello e a UTE XG-627.
Desde esta fin de semana, e ata o 31 de agosto, funcionará unha nova liña circular que terá a parada do Vao como punto de inicio e fin, ampliando a cobertura da rede de transporte público na Illa de Arousa.
A liña circular realizará 7 expedicións diarias de luns a domingo cos seguintes horarios de saída, 15:45, 16:20, 16:55, 17:55, 18:30, 19:10 e19:45.
Esta nova liña realizará servizo en once paradas, que son: O Vao, Espiñeiro (cruce), Carreirón, Praia de Riasón, Cabodeiro, Porto do Xufre, Paseo do Cantiño, Travesa do Faro, Área da Secada, EDAR (Testos) e Praza do Campo.
Como no resto de servizos de autobús que forman parte das concesións de titularidade da Xunta, as persoas usuarias da nova liña poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), con bonificacións do 40% no prezo do billete. Ademais, os menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, ao igual que todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG.
A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.