A XUNTA ACTIVA DESDE O MARTES 1 DE XULLO AS 2 NOVAS LIÑAS DE AUTOBÚS QUE DARÁN SERVIZO AO CONCELLO DE SANXENXO NO VERÁN

Mar, 24/06/2025

Este martes, día 1 de xullo, comezan a funcionar en Sanxenxo dúas liñas de autobús impulsadas pola Xunta de Galicia e o concello. Trátase dun complemento da actual concesión de autobús interurbano de competencia autonómica, enmarcado nun convenio asinado entre a Xunta, o Concello e a UTE XG-626.

Desde esta fin de semana ata o 31 de agosto funcionarán dúas novas liñas que amplían a cobertura do transporte público no concello de Sanxenxo, ambas circulares coa igrexa de Sanxenxo como punto de inicio e fin, facendo o percorrido Sanxenxo-Portonovo-A Lanzada-Sanxenxo unha en cada sentido.

As liñas circulares realizarán cada unha 16 expedicións diarias de luns a domingo con saídas cada hora, de xeito que as idas sairán desde as 08,00 horas ata as 00,00 horas e as voltas desde as 08,30 horas ata as 00,30 horas. Serán en total 32 servizos ao día cada media hora alternando o sentido da ruta, que funcionarán ininterrompidamente ata as 21,30 e dende as 23,00 ata as 00,30 horas.

Estas novas liñas atenderán 28 paradas nas que destacan, pola súa afluencia de persoas viaxeiras, a localizada na Igrexa Sanxenxo, Sanxenxo (marquesiña R. Progreso), Sanxenxo E.A., Vilalonga (Campo Fútbol), Revolta (parada bus), A Lanzada (praia), Nosa Sra. da Lanzada, Montalvo-camping ou Canelas.

Como no resto de servizos de autobús que forman parte das concesións de titularidade da Xunta, as persoas usuarias das novas liñas poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), con bonificacións do 40% no prezo do billete. Ademais, os menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, ao igual que todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.