O próximo luns, día 3 de agosto, comezan a funcionar en Poio dúas novas liñas de autobús creadas ao abeiro do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para a posta en marcha dun servizo de interese municipal (SIMU).
As liñas realizarán un servizo de ida e outro de volta de luns a venres non festivos durante todo o ano en horarios de mañá.
Na liña entre a Ponte da Barca e o Mosteiro de San Xoán de Poio, nos meses de verán, o servizo de ida sairá da Ponte da Barca ás 09.20 horas e o de volta, ás 12.00 horas. De setembro a xuño, a ida atrasarase ás 09.40 horas e a volta ás 12.40 horas.
Na liña entre a parada Alto Dorrón e o Mosteiro de San Xoán de Poio, nos meses de xullo e agosto, a ida ten saída programada ás 10.10 horas desde Alto Dorrón e a volta ás 12.50 horas. De setembro a xuño, o horario da ida será ás 10.30 horas e o de volta ás 13.30 horas.
As persoas usuarias poderán beneficiarse dos descontos e bonificacións vixentes no conxunto do transporte público autonómico. Así, as persoas menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes mensuais gratuítas coa Tarxeta Xente Nova, mentres que as maiores de 65 anos dispoñen de 60 viaxes gratuítas a través da Tarifa +65.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta nos portais web www.bus.gal e mobt.xunta.gal.