A XUNTA ACTIVA DESDE ESTE SÁBADO 22 DE XUÑO AS 3 NOVAS LIÑAS DE AUTOBÚS QUE DARÁN SERVIZO AO CONCELLO DE SANXENXO NO VERÁN

Xov, 20/06/2024

Este sábado, día 22 de xuño, comezan a funcionar en Sanxenxo as tres liñas de autobús impulsadas pola Xunta de Galicia e o concello como complemento da actual concesión de autobús interurbano de competencia autonómica, ao abeiro do convenio asinado entre a Xunta, o Concello e a UTE XG-626.

Desde esta fin de semana ata o 8 de setembro funcionarán tres novas liñas que amplían a cobertura do transporte público no concello de Sanxenxo, dúas delas circulares coa igrexa de Sanxenxo como punto de inicio e fin, facendo o percorrido Sanxenxo-Portonovo-A Lanzada-Sanxenxo unha en cada sentido, e outra liña lanzadeira dende o polígono de Nantes ata o centro da localidade e a praia de Baltar.

Segundo o convenio asinado, a medida desenvolverase ao longo deste ano coa posibilidade de prorrogalo.

As liñas circulares realizarán cada unha 16 expedicións diarias de luns a domingo con saídas cada hora, de xeito que as idas sairán desde as 08,00 horas ata as 23,00 horas e as voltas desde as 08,30 horas ata as 00,30 horas. Serán en total 32 servizos ao día cada media hora alternando o sentido da ruta, que funcionarán ininterrompidamente ata as 21,30 e dende as 23,00 ata as 00,30 horas.

Estas novas liñas atenderán 28 paradas nas que destacan, pola súa afluencia de persoas viaxeiras, a localizada na Iglesia Sanxenxo, Sanxenxo (marquesiña R. Progreso), Sanxenxo E.A.,Vilalonga (Campo Fútbol),Revolta (parada bus), A Lanzada (praia), Nosa Sra. da Lanzada, Montalvo-camping ou Canelas.

A liña lanzadeira Polígono de Nantes-Sanxenxo-Portonovo, que terá servizos de ida e de volta, ofrecerá 64 expedicións ao día de luns a domingo, con saída de cada cabeceira cada media hora durante todo o día entre as 8,00 e as 23,45 horas.

Esta nova liña lanzadeira contará coas paradas: Polígono de Nantes, Sanxenxo (marquesiña R. Progreso) e Baltar - Rotonda Hipercor.

Como no resto de servizos de autobús que forman parte das concesións de titularidade da Xunta, as persoas usuarias das novas liñas municipais de Sanxenxo poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), con bonificacións que  na actualidade chegan ao 50%. Ademais, os menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, ao igual que todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.