A XUNTA ADAPTA OS HORARIOS DOS AUTOBUSES ENTRE O BARCO DE VALDEORRAS E A GUDIÑA PARA MANTER A COORDINACIÓN COS TRENS QUE CONECTAN CON MADRID
A Xunta adapta a partir do vindeiro luns, día 25 de outubro, os horarios dos autobuses entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña para axustalos ás hora de paso actuais pola Gudiña dos trens que conectan con Madrid
A redución dos tempos de viaxe dos servizos ferroviarios entre Galicia e Madrid alterou as horas previstas de parada dos trens Alvia nas estacións galegas. No caso concreto da Gudiña, esta variación afectou á coordinación existente cos servizos de autobús interurbano de titularidade da Xunta de Galicia que unen a dita localidade co Barco de Valdeorras.
Co fin de garantir que se manteñan enlaces con esperas reducidas, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atrasa o horario do servizo que permite coller o primeiro tren da mañá con destino Madrid, que agora pasa máis tarde, e crea unha nova expedición para atender os usuarios que chegan no tren de regreso á media tarde, que pasa máis cedo.
Deste xeito, a cidadanía da zona disporá dun autobús con saída do Barco de Valdeorras ás 06,50 horas adaptado ao tren que conta con hora de paso prevista pola Gudiña ás 08,24h. Pola tarde, o enlace coordinado producirase co tren que chega á Gudiña ao redor das 17,40 horas, saíndo o novo autobús ás 18,00 horas con destino O Barco de Valdeorras.
Estas dúas posibilidades de enlace incorporáronse á oferta do Plan de Transporte Público de Galicia atendendo a petición dos alcaldes da comarca de Valdeorras.
Cómpre sinalar que a demanda actual existente no servizo que sae da Gudiña ás 19,00 horas cara a Viana do Bolo e O Barco de Valdeorras, empregado habitualmente por máis viaxeiros que os que procedían do tren, motiva o seu mantemento sen variacións a pesar do adianto da chegada do Alvia.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade salienta que os esforzos no fomento da mobilidade sostible non deben centrarse unicamente nas cidades. Polo tanto, insta a Renfe a ter en conta tamén a cidadanía do rural e facilitar a intermodalidade máis aló das áreas urbanas.
En previsión da entrada en servizo da liña de alta velocidade en decembro, que permitirá acurtar novamente os tempos de viaxe do tren entre Galicia e Madrid, a Xunta solicita ao operador ferroviario que informe debidamente de como vai afectar aos horarios e ás horas de paso polas estacións galegas, de xeito que se permita a coordinación cos servizos de autobús sen contratempos para os usuarios.