AVISO IMPORTANTE: REFORZO DOS SERVIZOS DURANTE AS FESTAS DE VILABOA NO CONCELLO DE CULLEREDO

Xov, 07/07/2022

A XUNTA REFORZA OS SERVIZOS DE AUTOBÚS DURANTE AS FESTAS DE VILABOA PARA FACILITAR O REGRESO DE MADRUGADA Á CORUÑA

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reforza os servizos de autobús durante as festas de Vilaboa, no concello de Culleredo, para facilitar o regreso de madrugada á Coruña.

O aumento dos servizos entre as dúas localidades busca favorecer o uso do transporte público para os desprazamentos con motivo das festas, evitando a necesidade de coller o coche por non dispoñer de autobuses de volta.

Os servizos prestaranse nunha nova liña específica entre a parada Vilaboa Igrexa e Entrexardíns, con saída ás 01,00 horas todos os días de festa, do 10 ao 13 de xullo. O último día haberá tamén unha expedición posterior, ás 01,45 horas.

O reforzo das conexións céntrase nos servizos de volta, pois as liñas do transporte interurbano xa ofrecen a posibilidade de acudir á verbena desde A Coruña, con frecuencias que permiten desprazamentos cada media hora.

Nos novos servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova e o resto de usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.