AVISO IMPORTANTE: NOVO SERVIZO ENTRE CARANZA E A ESTACIÓN DE AUTOBUSES DE FERROL

Lun, 10/04/2023

A XUNTA HABILITA DESDE MAÑÁ UN NOVO SERVIZO DE AUTOBÚS ENTRE CARANZA E A ESTACIÓN DE FERROL PARA CONECTAR A PRIMEIRA HORA COAS LIÑAS AFECTADAS POLAS OBRAS NA AVENIDA DAS PÍAS

  • A liña Caranza-praza Vella adáptase para habilitar unha nova expedición máis cedo das actuais, que sairá de Caranza ás 6 horas e chegará á estación ás 6,15 horas
  • Con este novo servizo favorécese o acceso ás catro liñas que conectan Ferrol coa Coruña nesa franxa horaria e que sairán da estación directamente cara á AP-9
  • Esta adaptación foi consensuada coa asociación de veciños de Caranza e coa concesionaria do transporte público

Os usuarios poderán empregar durante o día a liña Caranza-praza Vella, a liña C, para acceder aos servizos de media e longa distancia que sairán da estación directamente cara á AP-9 mentres duren as obras na estrada FE-14, de competencia estatal, que o Ministerio de Transportes estima ata mediados de maio de 2024.

Á primeira hora da mañá, para facilitar os transbordos, esta liña adáptase para rematar o seu itinerario na estación de autobuses e engádese unha nova expedición máis cedo das actuais, que sairá de Caranza ás 06,00 horas e chegará á estación ao redor das 06,15 horas.

O novo servizo permitirá aos usuarios enlazar coas catro liñas que conectan Ferrol coa Coruña nesa franxa horaria.

A adaptación de todos os servizos de autobús afectados foi consensuada co Ministerio de Transportes, co Concello de Ferrol e coa Asociación de Veciños de Caranza.

No marco desta configuración, as liñas que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo, tanto as que realizan o seu percorrido por estrada como as que son directas pola AP-9, sairán e chegarán á estación de autobuses de Ferrol directamente desde a autoestrada.

O resto das liñas, que teñen como cabeceira a estación de autobuses ou a praza de Galicia, realizarán un percorrido alternativo ao treito cortado da avenida das Pías empregando a rúa Telleiras e a avenida Castelao.

Os servizos Caranza - Praza Vella manteranse sen cambios ata que a ponte de Caranza se corte definitivamente. Nese momento, o percorrido realizarase pola rúa Telleiras, a avenida de Castelao e avenida do Mar. Esta adaptación afectará tamén á nova liña entre Caranza e a estación de autobuses de Ferrol.