AVISO IMPORTANTE: NOVO SERVIZO DE AUTOBÚS DIRECTO DESDE TUI Á PRAIA AMÉRICA

Ven, 22/07/2022

A XUNTA ACTIVA DESDE O SÁBADO NOVOS SERVIZOS DE AUTOBÚS DIRECTOS DESDE TUI Á PRAIA AMÉRICA

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade activa desde este próximo sábado, día 30, servizos directos de autobús desde Tui ata Praia América, no concello de Nigrán.

Os servizos estarán activos durante os meses de xullo e agosto para facilitar os desprazamentos á praia desde Tui, que non contaba con conexións directas en transporte público.

A nova liña de autobús ofrecerá un servizo atractivo para os usuarios cun tempo de viaxe reducido, de só 40 minutos, ao non contar con paradas intermedias entre Tui e Praia América.

A nova liña disporá de dous servizos diarios de luns a domingo, un de ida ás 12,00 horas e outro de regreso con saída do areal de Nigrán ás 19,00 horas.

Nestes novos servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova (TXN). Neste caso poderán beneficiarse directamente os 681 mozos de Tui que actualmente dispoñen deste dispositivo, co que a Xunta leva bonificados 34.800 € nas viaxes realizadas no que vai de ano.

 

Axustes nos horarios entre O Porriño e Praia América

Xunto coa creación desta nova liña, a Xunta axusta os horarios dos servizos activados o pasado luns, día 18, entre O Porriño e Praia América atendendo as peticións trasladadas polos usuarios á empresa concesionaria.

O servizo de ida do Porriño ao areal de Nigrán atrásase ás 13,30 horas e o de volta será media hora máis tarde, ás 20,30 horas.