A XUNTA ENGADE DESDE O 17 DE OUTUBRO DÚAS NOVAS PARADAS NOS AUTOBUSES URBANOS DE PONTEVEDRA
- A liña circular Praza Galicia-Montecelo-Monteporreiro fará unha nova parada no lugar de Moldes e outra na glorieta onde conflúen a avenida Eduardo Pondal e a rúa Doce de novembro
- Aténdese a petición do Concello de Pontevedra para reforzar a cobertura territorial dos servizos urbanos que se prestan a través das concesións de autobús da Xunta
- A aplicación do desconto temporal do 50% no prezo, ata os 43 céntimos, impulsou un crecemento da demanda dun 48% con respecto a un mes medio de 2022
O aumento do número de paradas non altera o percorrido da liña, o que permite ofrecer un servizo máis cómodo sen afectar aos usuarios actuais. Esta liña conta con 31 frecuencias diarias de luns a venres cada media hora desde as 07,30 horas ata as 22,00 horas, 15 servizos os sábados e 6 os domingos e festivos.
Esta actuación enmárcase no traballo de seguimento do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra co que se puxeron en marcha en outubro de 2021 as dúas liñas do transporte urbano que se prestan a través das concesións de transporte público xestionadas polo Goberno galego.