A Xunta informa da convocatoria de folga no sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña os días 5, 12, 15 e 19 de decembro.
O ámbito da convocatoria da folga inclúe todos os centros de traballo e as persoas traballadoras ás que lles sexa de aplicación o convenio colectivo de transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña, e a empresa Maitours.
Como garantía dos dereitos vinculados coa mobilidade da cidadanía, o traballo e a educación, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes fixou servizos mínimos nos servizos de transporte público regular de competencia da Xunta de Galicia afectados pola convocatoria de folga. De forma concreta, os servizos establecidos como mínimos son os seguintes:
- Servizos públicos de transporte regular de uso xeral:
- Nas rutas de menos de 25 quilómetros con algunha parada na provincia da Coruña: o 50% dos servizos comprendidos entre as 06.00 horas e as 09.00 horas e das 18.00 horas ás 21.00 horas.
- Nas rutas de máis de 25 quilómetros que conectan a provincia da Coruña con algunha das 7 cidades galegas: un servizo de ida e outro de volta con saída anterior ás 14.00 horas e posterior ás 18.00 horas.
Como exemplo da aplicación destes criterios nas conexións coas principais cidades da provincia, entre Ferrol e Narón das 06.00 ás 14.00 horas establécense 55 servizos mínimos, fronte aos 80 que funcionan un venres laborable, e a partir das 18.00 horas fíxanse 40 servizos, fronte aos 66 habituais. En conexións de longa distancia, como entre A Coruña e Santiago de Compostela, nas xornadas de folga fíxanse 26 servizos mínimos das 06.00 ás 14.00 horas, cando un venres laborable funcionan 43, e a partir das 18.00 horas establécense 13 dos 16 servizos habituais.
- Servizos de transporte público regular de uso especial-escolares e servizos de uso xeral integrados (con reserva de praza para escolares): todos os servizos das rutas de máis de 4 quilómetros.
- Servizos regulares de uso especial para transporte de persoas traballadoras: todos os servizos anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.
Os servizos mínimos no transporte regular de uso xeral para as xornadas indicadas poderán consultarse na páxina web da Xunta de Galicia https://www.bus.gal/gl/descargas/servizos_minimos .
Ademais, as empresas dará a máxima difusión dos servizos concretos que resulten afectados a través dos medios que permitan o seu coñecemento, con antelación ao inicio da folga e durante a mesma.