AVISO IMPORTANTE: ADAPTACIÓN DOS SERVIZOS POLAS OBRAS NA AVENIDA DAS PÍAS DE FERROL

Xov, 30/03/2023

A XUNTA ADAPTA DESDE O 11 DE ABRIL OS ITINERARIOS DAS LIÑAS DE AUTOBÚS AFECTADAS POLAS OBRAS NA AVENIDA DAS PÍAS DE FERROL MENTRES DUREN OS TRABALLOS NA ESTRADA ESTATAL

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade consensuou as solucións para os desvíos temporais nos servizos de transporte público co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, co Concello de Ferrol e coa asociación de veciños de Caranza, nunha xuntanza na que se avaliaron as alternativas para o conxunto das liñas.

As liñas que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo accederán directamente á AP-9 desde a estación de autobuses.

O resto das liñas engaden no novo percorrido paradas na avenida de Esteiro, na rúa Telleiras e na avenida Castelao, ademais da parada Mercado Recimil nas liñas que teñen cabeceira na praza de Galicia.

As modificacións estarán vixentes mentres estea cortada a avenida das Pías, a estrada FE-14, que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenta Urbana estima ata mediados de maio de 2024.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.