A XUNTA ACTIVARÁ CATRO SERVIZOS DE AUTOBÚS ENTRE RAIRIZ DE VEIGA E XINZO DE LIMIA POLA ROMARÍA DA SAÍNZA

Ven, 25/09/2026

A Xunta activará catro servizos directos de autobús entre Rairiz de Veiga e Xinzo de Limia con motivo da celebración da Romaría da Saínza.

Os servizos, correspondentes á liña XG611062 Xinzo de Limia E.A. – A Saínza, estarán operativos desde a tarde do venres 25 de setembro ata a madrugada do luns 28 de setembro.

Durante o venres, sábado e domingo prestaranse dous servizos de ida, en sentido Xinzo de Limia-Rairiz de Veiga, con saídas ás 21.00 e ás 23.00 horas.

Pola súa banda, o sábado, domingo e luns estarán operativos dous servizos de volta, con saída desde A Saínza ás 02.30 e ás 03.30 horas.

Toda a información dos servizos estará dispoñible para a súa consulta nos portais web https://www.bus.gal/gl e https://mobt.xunta.gal/gl/, así como nas aplicacións para dispositivos móbiles Transporte Público de Galicia e MoBT. Así mesmo, permanece dispoñible o teléfono gratuíto 981 546 100 para a atención á cidadanía.