A Xunta e o Concello de Cerdedo Cotobade manterán no novo curso escolar as dúas liñas de interese municipal que conectan Cerdedo Cotobade e Pontevedra e que dan servizo, entre outros, ao alumnado do municipio que estuda nos institutos da Xunqueira, en Pontevedra. Os servizos retomarán a súa actividade a partir do 9 de setembro.
Unha das liñas ofrecerá de luns a venres un servizo de ida e outro de volta. Na ida, o servizo sairá ás 07.25 horas do lugar de Dorna e realizará as paradas da Vila de Abaixo (Santa María de Sacos), San Xurxo, Alonga (San Xurxo de Sacos), Cutián (marquesiña estrada xeral), Viascón, Tenorio (centros educativos), Calvelo (Tenorio), Ponte Bora (ITV), A Paloma e Avda. de Compostela (A Xunqueira).
Ao remate da xornada lectiva, o servizo de volta iniciará o seu percorrido ás 15.10 horas dende a Avda. de Compostela (A Xunqueira) e terá como destino a parada de Tenorio (centros educativos). Neste punto, as persoas usuarias poderán enlazar co transporte integrado do CEIP de Tenorio e do IES de Cotobade para completar as súas viaxes.
Os martes pola tarde operará unha liña con saída ás 15.25 horas desde a parada de Ponte Bora (ITV) e destino en Carballedo, que facilitará o regreso das persoas usuarias aos seus fogares. Este servizo realizará as paradas de Bora (O Valo), Bora (Quinteiro), Vilanova, A Xesteira (marquesiña), Borela (cruzamento), Pazos (marquesiña), As Lagoas (marquesiña), O Pozo Negro I, Caballedo (piscifactoría) e Carballedo (A Chan).
Estes servizos benefícianse dos descontos e bonificacións impulsados pola Xunta de Galicia para o conxunto do transporte público autonómico. Así, as persoas menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes mensuais gratuítas coa Tarxeta Xente Nova, mentres que as maiores de 65 anos dispoñen de viaxes gratuítas a través da Tarifa +65.
A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta nos portais web www.bus.gal e www.mobt.xunta.gal, así como nas aplicacións para dispositivos móbiles Transporte Público de Galicia e MoBT.