A XUNTA FINALIZARÁ O LUNS O RESTABLECEMENTO DOS ITINERARIOS DE TODAS AS LIÑAS AFECTADAS POLAS OBRAS NA AVENIDA DAS PÍAS DE FERROL

Mér, 10/09/2025

O vindeiro luns 15, restableceranse os itinerarios de todas as liñas que foran modificadas polas obras na avenida das Pías de Ferrol.

Con este axuste recupéranse os percorridos habituais dos servizos con destino a Pontedeume, Santiago, Pontevedra e Vigo, así como aqueles que conectan coa Capela e coas Pontes. Tamén se adaptarán os trazados da liña de transporte urbano Praza Vella – Caranza, popularmente coñecida como liña C, e do servizo integrado que conecta o CEIP San Xoán de Filgueira co barrio de Esteiro.

As liñas retomarán as paradas que deixaran de prestarse a raíz dos desvíos temporais, polo que se recuperan as paradas do barrio do Pilar e tamén as situadas na estrada FE-14, á altura das vivendas de Bazán e do barrio de Caranza.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.