A XUNTA ACTIVA DESDE O SÁBADO 5 DE XULLO UNHA LIÑA DE AUTOBÚS QUE DARÁ SERVIZO AO CONCELLO DE NIGRÁN NO VERÁN

Mér, 02/07/2025

O sábado, día 5 de xullo, comeza a funcionar en Nigrán unha liña de autobús impulsada pola Xunta de Galicia e o concello. Trátase dun complemento da actual concesión de autobús interurbano de competencia autonómica, enmarcado nun convenio asinado entre a Xunta, o Concello e a UTE XG-883.

Durante os sábados, domingos e festivos dos meses de xullo e agosto habilitarase unha nova liña circular que conectará o parque empresarial Porto do Molle co centro de Nigrán e coas praias de Panxón e Praia América.

A nova ruta ofrecerá 16 servizos diarios, que permiten viaxar tanto de ida como de volta, con saídas desde as 12,00 horas ata as 20,15 horas. Así, en xeral funcionarán dúas frecuencias cada hora e haberá tres servizos na franxa horaria entre as 19,00 horas e as 20,00 horas.

Ademais da ampliación da oferta durante o verán, tamén se axustará o horario de volta dun dos servizos da liña Chandebrito-Nigrán-Priegue. A partir do 5 de xullo, a expedición que sae de Priegue ás 15,05 horas adiantarase ás 14,15 horas. O obxectivo desta modificación é que este servizo chegue ao maior número de persoas usuarias posible.

Como no resto de servizos de autobús que forman parte das concesións de titularidade da Xunta, as persoas usuarias das liñas de Nigrán poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), con bonificacións do 40% no prezo do billete. Ademais, os menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, ao igual que todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.