Familias numerosas

Transporte metropolitano

No caso de pertencer a unha familia numerosa de Galicia e cumprir cos requisitos establecidos para estar incluído no título oficial de familia numerosa, poderá beneficiarse das bonificacións correspondentes no transporte interurbano de viaxeiros no ámbito do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, aplicables nas áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo. Para acceder a estas bonificacións, será necesario cubrir un formulario dispoñible na Consellería de Política Social e Igualdade. Máis información dispoñible na seguinte ligazón

Os descontos aplicables para as persoas usuarias do transporte metropolitano pertencentes a familias numerosas son os seguintes:

  • 20 % para a categoría xeral.
  • 50 % para a categoría especial.

As bonificacións por familia numerosa son acumulables a calquera outra que lle puidera corresponder pola pertenza a outro colectivo bonificado, cun límite máximo do 100% da viaxe.

As bonificacións calcularanse ao final do mes seguinte a aquel no que se xere o dereito ao desconto correspondente, con efectividade desde o día 1 do mes seguinte. Así, os descontos acumulados no mes de decembro, serán computados a finais do mes de xaneiro e estarán dispoñibles paras as persoas usuarias a partir do 1 de febreiro.

O prazo para que as persoas usuarias acepten a bonificación é de 2 meses dende a data en que esta se pon á súa disposición. De non aceptar a bonificación neste prazo, perderase o dereito a ela. Esta caducidade só afecta ás bonificacións correspondentes, en ningún caso afecta ao saldo da tarxeta.

As bonificacións acumuladas poderán facerse efectivas en calquera caixeiro de ABANCA e en calquera das tarxetas da persoa titular.

Transporte interurbano

A bonificación por pertencer a unha familia numerosa (xeral ou especial) aplicarase directamente sobre a tarifa a pagar no autobús acreditando tal condición ao condutor.