A Xunta de Galicia leva anos apostando polo transporte público como elemento central do cambio cara a unha mobilidade de futuro, máis sostible, limpa e socialmente responsable.
A memoria anual xuño 2020-xullo 2021 do Plan de Transporte Público de Galicia é a primeira análise, con vocación de continuidade, que se realiza sobre todo o transporte público interurbano por estrada xestionado pola Xunta de Galicia.
Con este documento, rendemos contas do cumprimento dos principios e obxectivos fixados e da mellora a todos os niveis do transporte público de titularidade autonómica, que duplicou desde 2016 o número de liñas, de paradas e de servizos en cada unha das provincias.
Así, este primeiro balance recolle a posta en marcha completa do Plan de Transporte Público de Galicia, levada a cabo en 2020 a través de 127 concesións e tamén a evolución desde o inicio do proceso de modernización do transporte público, en 2016. Ademais, detallamos as actuacións postas en marcha durante o último curso 2020/2021, os logros xa consolidados, o investimento sen precedentes por parte da Xunta de Galicia e o avance nos grandes proxectos que afondan na nosa aposta polo autobús como alternativa real de mobilidade para a maioría.
Descarga aquí a memoria anual 2020/2021 completa ou o resumo cos datos principais.